Friday 17 de May de 2024

O Pazo acolleu o acto de entrega dos diplomas aos participantes no programa municipal “Adiante Narón II”


O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, entregou a pasada semana os diplomas da segunda edición do programa “Adiante Narón II”, no que participaron un total de quince persoas. O acto tivo lugar ás 9.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, ata onde se desprazaron algúns dos alumnos e alumnas do curso.

A través deste programa apóstase por potenciar iniciativas emprendedoras e de autoemprego como alternativa ás opcións do actual mercado laboral. O programa dividiuse en catro bloques: Detección de oportunidades e piares do proxecto; Estratexia e dirección comercial; Análise de viabilidade e proxeccións económico financieiras e aspectos legais. As sesións, impartidas por profesionais nestas áreas, comezaron o pasado mes de novembro no Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e remataron este mes.

Rematada a primeira edición do programa formativo realizouse un seguemento para acadar os obxectivos marcados e desenvolvéronse unha serie de actividades para dar apoio aos emprendedores e emprendedoras, que elixiron en cada caso a materia ou área de negocio a tratar en cada sesión.
Pita felicitou aos participantes neste programa municipal e desexoulles sorte no futuro dos seus proxectos, destacando a importancia “de que xente como vós aposte polo emprendemento e por levar a cabo un proxecto propio”.